Tuesday 07 de May de 2024

Oleiros reparte unha guía de empresas para fomentar o consumo de proximidade


“Atópao en Oleiros” é o título da publicación de 250 páxinas que o concello repartirá por todos os domicilios con información actualizada sobre as empresas e servizos que se ubican no concello.

“A actividade empresarial xera empregos e beneficios aquí”, di o alcalde, Ángel García Seoane, na introdución. “As empresas pagan impostos municipais que repercuten na veciñanza en forma de parques, vías públicas, actividade cultural ou deportiva, por citar só unhas pingas do mundo de actividades que ofrecemos cada ano”.

Poñer en valor a economía local está detrás desta iniciativa, que tamén inclúe teléfonos e direccións dos servizos públicos do municipio. A morea de datos empresariais están agrupados en 36 epígrafes que se corresponden con cada unha das áreas de actividade económica que se desenvolven no municipio, e que tamén se poden consultar na web, onde se irán actualizando os datos periodicamente.

A web tamén dispón dun sistema no que se poden achegar datos das empresas que, por algunha eiva involuntaria, poidan non figurar na relación ou presenten algún erro significativo.